Sesión formativa a Referentes en feridas na Cámara Hiperbárica do Hospital Naval de Ferrol dos Referentes

Sesión formativa a Referentes en feridas na Cámara Hiperbárica do Hospital Naval de Ferrol dos Referentes

​​​​​​​No marco das actividades formativas do Programa Úlceras Fóra, o pasado 18 de setembro de 2026 realizouse unha visita á Unidade de Medicina Hiperbárica do Hospital Naval de Ferrol, dirixida ao grupo de profesionais referentes en feridas das distintas áreas sanitarias de Galicia. 

Participou na visita a Subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación, Alicia Piñeiro, acompañada por profesionais do Servizo de Integración Asistencial e Innovación, equipo responsable da coordinación do Programa Úlceras Fóra, así como por un numeroso grupo de referentes en feridas procedentes de todas as áreas sanitarias de Galicia.​


A xornada permitiu coñecer a todo o grupo de asistente de primeira man o funcionamento desta unidade de referencia no ámbito da medicina hiperbárica, os seus circuítos asistenciais e os criterios de indicación da osixenoterapia hiperbárica, unha ferramenta terapéutica que pode desempeñar un papel relevante na abordaxe de feridas complexas e doutras condicións clínicas seleccionadas.

Durante a visita, os participantes tiveron a oportunidade de percorrer as instalacións da unidade, coñecer as cámaras hiperbáricas dispoñibles, revisar casos clínicos e observar a aplicación práctica dos coidados e tratamentos realizados aos pacientes. Así mesmo, asistiron ao inicio dunha sesión ordinaria de tratamento, o que permitiu comprender mellor os aspectos organizativos e asistenciais desta terapia.​

Esta actividade contou coa colaboración da Unidade de Medicina Hiperbárica do Hospital Naval de Ferrol, liderada polo comandante Dr. Sergio Ruiz Rodríguez, a quen queremos expresar o noso máis sincero agradecemento. Facémolo extensivo a todo o equipo de profesionais da unidade, que nos brindaron unha excepcional acollida e compartiron con xenerosidade a súa experiencia e coñecementos. A súa dispoñibilidade, profesionalidade e as completas explicacións proporcionadas ao longo da xornada permitiron aos participantes coñecer de primeira man o funcionamento da unidade, favorecendo unha experiencia formativa de gran interese e valor para a práctica asistencial.

Ademais do seu valor formativo, a visita favoreceu o intercambio de coñecementos e experiencias entre profesionais, contribuíndo á difusión de boas prácticas asistenciais e ao fortalecemento da rede de referentes do programa.

Desde Úlceras Fóra continuamos promovendo iniciativas que permitan ampliar coñecementos, compartir experiencias e avanzar nunha atención cada vez máis segura e de maior calidade para as persoas con feridas complexas.




Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde