No
marco das actividades formativas do Programa
Úlceras Fóra,
o pasado 18 de setembro de 2026 realizouse unha visita
á Unidade
de Medicina Hiperbárica do Hospital Naval de Ferrol,
dirixida ao grupo de profesionais referentes
en feridas
das distintas áreas sanitarias de Galicia.
Participou
na visita a Subdirectora xeral de Integración Asistencial e
Innovación, Alicia Piñeiro, acompañada por profesionais do Servizo
de Integración Asistencial e Innovación, equipo responsable da
coordinación do Programa Úlceras Fóra, así como por un numeroso
grupo de referentes en feridas procedentes de todas as áreas
sanitarias de Galicia.
A
xornada permitiu coñecer a todo o grupo de asistente de primeira man
o funcionamento desta unidade de referencia no ámbito da medicina
hiperbárica, os seus circuítos asistenciais e os criterios de
indicación da osixenoterapia hiperbárica, unha ferramenta
terapéutica que pode desempeñar un papel relevante na abordaxe de
feridas complexas e doutras condicións clínicas seleccionadas.
Durante
a visita, os participantes tiveron a oportunidade de percorrer as
instalacións da unidade, coñecer as cámaras hiperbáricas
dispoñibles, revisar casos clínicos e observar a aplicación
práctica dos coidados e tratamentos realizados aos pacientes. Así
mesmo, asistiron ao inicio dunha sesión ordinaria de tratamento, o
que permitiu comprender mellor os aspectos organizativos e
asistenciais desta terapia.
Esta
actividade contou coa colaboración da Unidade
de Medicina Hiperbárica do Hospital Naval de Ferrol, liderada polo
comandante Dr. Sergio Ruiz Rodríguez,
a quen queremos expresar o noso máis sincero agradecemento. Facémolo
extensivo a todo o equipo de profesionais da unidade, que nos
brindaron unha excepcional acollida e compartiron con xenerosidade a
súa experiencia e coñecementos. A súa dispoñibilidade,
profesionalidade e as completas explicacións proporcionadas ao longo
da xornada permitiron aos participantes coñecer de primeira man o
funcionamento da unidade, favorecendo unha experiencia formativa de
gran interese e valor para a práctica asistencial.
Ademais
do seu valor formativo, a visita favoreceu o intercambio de
coñecementos e experiencias entre profesionais, contribuíndo á
difusión de boas prácticas asistenciais e ao fortalecemento da rede
de referentes do programa.
Desde
Úlceras
Fóra
continuamos promovendo iniciativas que permitan ampliar coñecementos,
compartir experiencias e avanzar nunha atención cada vez máis
segura e de maior calidade para as persoas con feridas complexas.