Queimaduras eléctricas

0 comentarios comentarios

Queimaduras eléctricas


As queimaduras eléctricas son queimaduras térmicas producidas por unha calor de moi alta intensidade cando o corpo da vítima se converte nunha resistencia accidental, producíndose unha reacción citotóxica. Son as máis devastadoras de todas as lesións térmicas en relación co seu tamaño, afectando normalmente á pel e a tecidos máis profundos.

QUEIMADURAS ELÉCTRICAS

Débese ter en conta que aproximadamente o 15% dos pacientes que sofren unha queimadura eléctrica teñen asociada outro tipo de lesións traumáticas ademais da queimadura, motivo polo cal se adoita falar de traumatismo eléctrico. Os traumatismos eléctricos adoitan afectar principalmente a homes novos no traballo, e a nenos no ámbito doméstico. Son a causa máis frecuente de amputacións nunha unidade de queimados.

O dano que provoca a corrente eléctrica depende de varios parámetros: a voltaxe, a corrente amperaxe), o tipo de corrente (continua ou alterna), o percorrido do fluxo de corrente, a duración do contacto, a resistencia no punto de contacto e a susceptibilidade individual.
 Os diferentes tipos de traumatismo eléctrico fan referencia a:
 
TRAUMATISMO ELÉCTRICO DIRECTO: hai paso de corrente eléctrica a través do organismo:
Traumatismo eléctrico de baixa voltaxe (<1000 V): constitúen aproximadamente o 80 % de todos os traumatismos eléctricos. Son especialmente frecuentes na poboación infantil no ámbito doméstico. A queimadura adoita localizarse na zona próxima á lesión, que adoitan ser a boca e as mans. Pode ocasionar arritmias graves
Traumatismo eléctrico de alta voltaxe (>1000 V): son queimaduras cutáneas de varios graos que se asocian a destrución intensa de tecidos profundos afectando a múltiples órganos. É un traumatismo similar ao que produce un esmagamento
TRAUMATISMO ELÉCTRICO INDIRECTO OU ARCO VOLTAICO: son consecuencia da saída e entrada da corrente dunha parte a outra do corpo, especialmente en áreas de flexión como a boneca, cóbados, axila ou oco poplíteo.
FLASH ELÉCTRICO: prodúcese unha queimadura por unha chama instantánea que se manexa como unha queimadura por chama.
TRAUMATISMO ELÉCTRICO POR RAIO: a manifestación cutánea típica do traumatismo por raio é un patrón eritematoso ramificado, dendrítico, arborecescente ou a modo de fento na pel que aparece na primeira hora tras a lesión e desvanécese con rapidez (parecido a unha reacción de fabóns e eritema). Pode producir parada cardiorrespiratoria, na cal a reanimación cardiopulmonar é especialmente eficaz cando se inicia con rapidez, agresividade e debe manterse durante bastante tempo (> 1 hora). A electricidade que flúe a través dos tecidos xera calor. A resistencia ofrecida polos tecidos varía en función do tipo de tecido (táboa 3). Sendo o óso o que máis acumula, polo que se pode dicir que o dano do traumatismo eléctrico é de dentro cara a fóra (efecto Iceberg). O tecido muscular desenvolve edema e necrose, e poden aparecer síndromes compartimentais nas primeiras 48 horas tras o traumatismo.
Resistencia electrica gal.JPG

As principais manifestacións clínicas do traumatismo eléctrico son:
 
Cutáneas: queimaduras de distintos graos (dérmicas e subdérmicas). Débese tentar identificar unha queimadura de entrada (da corrente eléctrica) e unha queimadura de saída (da corrente eléctrica).
Musculares: o comportamento do traumatismo eléctrico con relación aos músculos é similar a unha síndrome por esmagamento. Prodúcese edema e necrose muscular que produce elevación encimática (CPK e mioglobina) e potasio. A monitorización da elevación da CPK é útil no diagnóstico de dano muscular e no control da resposta ao tratamento. A elevación da mioglobina pode producir dano renal que debe ser controlado.
Vasculares: o traumatismo eléctrico produce trombose dos vasos.
Cardíacas: débese realizar a monitorización cardíaca durante polo menos 24 horas.
A baixa voltaxe: produce arritmias cardíacas de modo precoz.
Alta voltaxe: produce taquicardia sinusal e cambios na onda T.
Neurolóxicas: as manifestacións clínicas neurolóxicas son moi variables, e poden presentarse como neuropatía periférica aguda (29 %) ou tardía, dano medular (2-5%), perda de coñecemento, cefalea, crises convulsivas…
Óseas: prodúcense fracturas ata nun 10 % dos casos por tetanización muscular.
Outras: pódese producir lesión de órganos intraabdominais, perforación abdominal, necrose pancreática ou hepática, dano renal, alteracións oculares etc.
A reposición hidroelectrolítica no paciente con traumatismo eléctrico non segue a fórmula de Parkland, senón que se debe manter unha pauta de sueroterapia con Ringer Lactato para diurese 1ml/kg/h.
O tratamento tópico das queimaduras do traumatismo eléctrico é igual que o de calquera traumatismo térmico.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde